20:51 h. martes, 21 de mayo de 2024
Eloy Saavedra

Pesca e prohibicións. Técnicos en estado puro

Presidente Sociedade Caza e Pesca de Xuvia

Eloy Saavedra | 01 de julio de 2014

Como parece que a cousa está a quentarse e xa algún preboste estivo a dar pistas (parece que segundo el está a cousa moi permisiva) propoño facer unha porra para ver cales poderían ser as próximas prohibicións pesqueiras que se lles ocurran en Gran Hermano...

PESCA E PROHIBICIÓNS. TÉCNICOS EN ESTADO PURO.





Eu vou abrir lume coa prohibición da pesca do reo no mes de Setembro.

O sempre sen sen par D. Francisco Hervella, á sazón e segundo o seu perfil en Linkedln, técnico superior ambiental da Dirección Xeral de Conservación, nunha intervención radiofónica o 26 de abril, defende o remate das segundo el, medidas aperturistas na pesca do reo.

Segundo o aludido, a cousa está moi mal en toda Galicia. Argumenta a falla de datos porque recoñece que o sistema de guiado non é en absoluto fiable. Iso si, di que a abundancia de peixes e o seu tamaño descenderon, polo que hai que rematar coa actual alegría, evidentemente pechando a temporada anticipadamente, pero xa!!! (ai, o aperturismo ese...)

Non tiña pensado referirme a él, pero como sei que o silencio dos pescadores e as sociedades fai fortes a estes artistas diante dos seus xefes, si o vou facer. A todo este dislate ocórrenseme un par de reflexións:

-En primeiro lugar recoñece que o guiado como sistema estadístico non funciona. Pois ben, senon é útil elimíneo. No caso contrario, incremente a presión de vixilancia para facelo útil, pero non faga de trilero e nos trate de enganar con bolas inexistentes.

-Outra mais. Fala de datos de capturadeiro. Eses datos ata onde se pode saber serán os do Ulla, e quizais os do Tambre. Polo tanto con datos parciais (unha soa bacía fluvial) e sesgados non me faga xuizos de valor para extrapolar unha medida ''contraaperturista'' a todo este país. O dos datos sesgados o digo porque non hai moito tempo se sabía que os datos destes capturadoiros non son digamos ''de fiar''. A desaparición de salmóns e lampreas do seu interior, paleados por un peón no caso do Ulla, e polas londras no caso do Tambre, fanme supoñer que os reos grandes seguiron idéntico fin. E isto durante varios anos. Qué valor de serie estatística pretende invocar con istes precedentes?

-Item mais. Aos casos de ríos como o Xuvia, que claramente aumentou a entrada de migradores, no caso dos reos, pretende aplicarlle tamén a ''limitación do aperturismo'' esa que propugna?

-E finalmente. Poden as súas consideracións persoais e o seu ultraconservacionismo afectar á practica da pesca a pesar de que recoñece a súa falla de datos, coa excepción de dous cauces fluviais?

Espero que todo isto quede nun quecemento de boca que tivo nun medio de comunicación, onde o tono inquisidor que se lle espera a un xornalista, foi claramente rebaixado a entrevistas de guante branco e xornalismo vertical. Con estes palmeiros pode vostede decir todo o que lle dea a gaña, que en ningún caso as súas respostas se verán comprometidas por preguntas inoportunas ou críticas.

O que me molesta de todo isto, é que en 19 anos de exercicio na administración galega as súas propostas sempre foron neste sentido. É vostede contumaz, pero da liña dura. Está claro que os seus obxectivos son a cana e a sedela, que evidentemente superan en perigosidade ao resto de factores, sen ningún xénero de dúbidas…

E miren se serán perigosos os atilas da cana, que ata cando liberan as súas capturas, son temibles. De feito tanto se lles enche a boca aos nosos técnicos de pesca sen morte, que logo retrasan a apertura dos tramos sen morte en augas con migradores ata maio. Pero non quedaramos en que a pesca SM era unha solución aos problemas dos ríos?

Iso si, non enfrontemos o resto de desfeitas que padecen os ríos galegos, coas súas medidas contraaperturistas, creo que imos recuperar a nosa pasada abundancia, polo menos nos soños de verán dalgún...

Otras opiniones
Autores de opinión