16:31 h. martes, 21 de mayo de 2024

Medio Ambiente somete a información pública a modificación do Couto de Parga no concello de Guitiriz

trueiro.com  |  25 de noviembre de 2014 (19:14 h.)

A modificación proposta pasa por aumentar os límites deste couto, xa que se trata dun tramo no que se concentran un importante número de pescadores

-O couto de Parga pasa de 4 a 11,3 quilómetros, ampliando os seus límites augas arriba e augas abaixo no río Parga. O tramo acoutado no río Ladroil permanece sen modificacións

-Os límites xerais correspóndense cos seguintes parámetros: no Ladroil de Ponte Moeiro ata a desembocadura no Parga; no Parga desde a Ponte de Román a Ponte de Santo Alberto. Inclúense os 100 metros finais dos afluentes dos tramos.

 

Santiago, 14 de novembro de 2014.

A Xunta de Galicia iniciou o período de información pública da modificación do Couto de Parga, neste mesmo río, ao seu paso polo Concello de Guitiriz. O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se inicia este trámite, que se prolongará durante 20 días nos que os interesados poderán presentar alegacións.

A modificación que se expón está recollida no plan de xestión para o couto de Parga e consiste en aumentar os seus límites, xa que se trata dun tramo no que se concentra un número importante de pescadores. A Xunta considera que esta modificación é necesaria para optimizar a xestión dos recursos piscícolas da bacía do río Parga.

Esta modificación, así como o plan de xestión, conta co visto e prace do Comité Provincial de Pesca de Lugo e do Comité Galego de Pesca e os pescadores das asociacións da zona tamén foron informados dos cambios en varias reunións.

A modificación que agora se somete a información pública propón establecer as seguintes condicións: o couto de Parga pasa de 4 quilómetros a 11,3 km, implica aos ríos Ladroil-Parga na conca do río Miño. As características dos distintos tramos son:

Tramo 1 xeral (Ladroil 2,3 km). Vai desde Ponte Moeiro no río Ladroil ata a xunta deste có río Parga.

Tramo 2 xeral (Parga 2,250 km). Vai desde Ponte Roman, no río Parga ata a xunta do Ladroil co Parga.

Tramo 3 xeral (Parga 1,150 km). Xunta do Ladroil co Parga á presa de Parga, río Parga.

Tramo 4 pesca sen morte (0,5 km). Coincide co tramo urbano e vai desde a presa de Parga á presa do Clube Fluvial río Parga.

Tramo 5 xeral (Parga 5,1 km). Presa do Clube Fluvial á ponte de Santo Alberto, río Parga.

O número de permisos será de 16 por xornada, 2 de pesca sen morte e 14 de réxime xeral. A cota de captura no réxime xeral será de 8 troitas por pescador e día, cun tamaño mínimo de captura de 21 cm. Estes parámetros revisaranse aos 2/3 anos, en función da evolución das poboacións piscícolas e da súa densidade.

O inicio e fin da temporada e os día hábiles serán os marcados pola orden anual de vedas.

No futuro e como medida de protección vedarase un dos tramos de réxime xeral de xeito rotatorio.

Hemeroteca