02:30 h. miércoles, 01 de mayo de 2024

Nova chapuza da Consellería de Medio Ambiente para tapar as vergoñas da Confederación Hidrográfica

trueiro.com  |  23 de abril de 2015 (12:58 h.)
acta policía autonómica 15-xullo-14

Unha denuncia da Plataforma Sarriana polo Río, presentada o 21 de abril de 2014, desemboca, casi un ano despois, nunha sanción de 1.900 € por infraccións da normativa sobre xestión de residuos para a empresa que executa as obras de encanamento do río Sarria, UTE VÍAS Y CONSTRUCCIONES S.A. Y PETROLAM A VEIGA S.L..

Unha denuncia da Plataforma Sarriana polo Río, presentada o 21 de abril de 2014, desemboca, casi un ano despois, nunha sanción de 1.900 € por infraccións da normativa sobre xestión de residuos para a empresa que executa as obras de encanamento do río Sarria, UTE VÍAS Y CONSTRUCCIONES S.A. Y PETROLAM A VEIGA S.L..

A Consellería de Medio Ambiente aplicou medidas tan burdas como a calificación como leve dunha infracción do artígo 46.3.C da Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados que, porén, a propia lei califica como grave, para así reducir a cuantía da multa e, deste xeito, protexer á empresa denunciada que executa o plan de canalización da Confederación. Ou iso, ou a incompetencia dos encargados de velar pola protección do medio ambiente alcanza niveis insospeitados.

Nesa mesma liña, esa Consellería ignora na súa resolución a infracción máis grave denunciada pola Plataforma. As ducias de toneladas de residuos de formigón, ferro e pedra procedentes da demolición da Ponte do Toleiro, en lugar de seren entregadas a un xestor autorizado de residuos, como exige a Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados, foron transportadas ata unhas fincas rústicas situadas no lugar de Outeiro, parroquia de Fafián (Sarria). Eses verquidos incontrolados converteron estes terreos no que a Ley 10/2008, de residuos de Galicia, denomina un “espazo degradado”, que debe ser restaurado polo responsable da degradación, é dicir, en primeiro lugar, a empresa UTE VÍAS Y CONSTRUCCIONES S.A. Y PETROLAM A VEIGA S.L.

Pero a empresa á que a CHMS adxudicou as obras de encanamento non terá que asumir o custo da restauración dese espacio porque a Consellería de Medio Ambiente, sen motivación coñecida, fixo caso omiso da denuncia neste punto. A pesar de que a Plataforma lle proporcionou fotografías tomadas no momento mesmo no que se estaban realizando as verteduras incontroladas. E, o que é gravísimo, a pesar de que no expediente constan as actas da inspección levada a cabo o 15 de xullo de 2014 pola Unidade de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e un informe complementario nos que se indica que os axentes constataron a presenza de residuos abandonados nunha das parcelas y un recheo de pedras e terra noutra.

Iso sí, en canto os responsables souberon que a Plataforma tiña coñecemento de que varias toneladas de refugallos estaban sendo despositadas de xeito incontrolado en leiras rurais, apresuráronse en ocultar o verquido ilegal cubrindo con terra os cascallos. Sobre isto, cumpriría ter máis datos - data e tempo de tramitación - sobre unha licenza de obra outorgada polo Concello de Sarria para movementos de terras nesas parcelas.

Temos a impresión de que a Consellería de Medio Ambiente tería preferido non ter que tramitar este procedemento sancionador e que a insistencia da Plataforma a colocou nunha situación incómoda. Arrastrou os pes todo o que puido. Aínda que a denuncia se presentou o 21 de abril de 2014, a Consellería non inicia o procedemento até o 24 de outubro, seis meses despois. Namentres, a UTE seguía cometendo infraccións, convertendo a ribeira mesma do río Sarria nun vertedoiro incontrolado, onde se acumulaban refugallos – “non perigosos e tamén perigosos” - directamente sobre o chan, a pesar do risco de se filtraran ata o río, en lugar de depositalos nos colectores estancos legalmente esixidos. Así se constata nos informes de seguemento medioambiental que chegaban mensualmente á Confederación que, polo tanto, coñecía perfectamente a situación. Esta escandalosa renuncia de funcións confirma o noso convencemento de que todo o relativo ás obras de canalación do río Sarria parece gozar na Xunta de Galicia de absoluta impunidade, especialmente por parte da Consellería de Medio Ambiente, que parece disposta a permitir e dar cobertura administrativa a todas as actuacións ilegais e infraccións en materia medioambiental que ditas obras entrañan

En setembro pasado, a Plataforma tivo que recordarlle á dita Consellería que o delito de prevaricación administrativa pode ser cometido por omisión, é decir, cando o que estaba obrigado a actuar conforme á legalidade aplicable incorre en inactividade administrativa. Así, finalmente, o pasado outubro a Consellería víuse obrigada a iniciar o procedemento sancionador.

Entón, o que intentou foi protexer á empresa adxudicataria da Confederación, como se explica máis arriba, ignorando algunhas das infraccións denunciadas e alterando burdamente a cualificación doutras a fin de reducir a contía da multa. A Consellería de Medio Ambiente estaba convencida de que os resultados dese procedemento sancionador só serían coñecidos polos denunciados e que, polo tanto, podía facer o que lle viñera en gana. Cando a Plataforma lle pedíu información ao respecto, a súa reacción foi negarse a darlla. Unha vez máis foi necesario un escrito para recordarlle que esa negativa carecía de fundamento. Parece que a Xunta de Galicia aínda non entendeu as virtudes da transparencia como forma de control da administración por parte dos cidadáns.

A edificante mensaxe que transmite a Xunta de Galicia á cidadanía é que contaminar sae barato e que o principio de que “o que contamina paga” aquí non se aplica ou, polo menos, non se aplica aos amigos. O custo da xestión dos residuos xerados na obra previsto no proxecto orixinal ascendía a 56.000 €. Se en vez de entregar os residuos a xestores autorizados fan verteduras incontroladas, polos que a Consellería cobra a módica cantidade de 1.900 €, ¿ónde vai a diferenza? ¿Reflexionou sobre iso a Confederación Hidrográfica? ¿Preguntóuseo o Fondo Europeo de Desenrolo Rexional (FEDER) que financia o 80% da obra?.

PLATAFORMA SARRIANA POLO RÍO

NOTA DE PRENSA 18/04/2015

 

Hemeroteca