08:33 h. martes, 21 de mayo de 2024

Medio Ambiente celebra a reunión anual do Comité Galego de Pesca fluvial

trueiro.com  |  24 de noviembre de 2014 (16:22 h.)
Imaxen do Comité Galego de Pesca.

Medio Ambiente celebra a reunión anual do Comité Galego de Pesca fluvial co fin de fixar a ordenación desta actividade para a vindeira tempada.

-Para a troita, a tempada mantense nas mesmas datas, do 15 de marzo ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e de montaña, nas que o período comezará o 1 de maio

-No tocante ao salmón, o período irá do 1 de maio ao 31 de xullo, cuns períodos específicos nos coutos compartidos con Asturias e nos ríos Ulla e Lérez, nos que a tempada se estenderá ata o 31 de setembro na modalidade de pesca sen morte

-No que se refire ao reo, mantense o período do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas celebrou hoxe a reunión anual ordinaria do Comité Galego de Pesca Fluvial, presidida pola directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado. A xuntanza contou coa participación dunha ampla representación dos sectores implicados na pesca continental na comunidade galega.

Os responsables dos Servizos Provinciais de Conservación da Natureza expuxeron unha breve valoración da pasada tempada de pesca e trasladaron as propostas dos respectivos Comités provinciais. Tamén se analizaron as propostas a ter en conta na normativa que regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada, e informouse o Plan de xestión para a ampliación do couto de Parga (Lugo).

Na reunión abordouse o establecemento das respectivas determinacións para cada especie. Así, no tocante ao salmón, o período xeral abranguerá do 1 de maio ao 31 de xullo, mantendo uns períodos específicos nos coutos compartidos con Asturias así como nos ríos Ulla e Lérez, nos que a tempada se estenderá ata o 31 de setembro na modalidade de pesca sen morte.

As cotas de captura serán similares ás da pasada tempada nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Concretamente, no río Mandeo (A Coruña), 5 exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota é de 15 e 10 exemplares respectivamente; e, no río Miño (Ourense), de 8 exemplares. Pola súa banda, ao igual que aconteceu na pasada tempada, elévanse as cotas nos ríos da provincia de Pontevedra ata os 60 exemplares no río Ulla e os 15 do río Lérez. O límite segue a ser dun salmón por pescador e día, e tamén mantense a autorización dos mesmos engados.

Polo que respecta ao reo, mantense o período do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos. Nos coutos do Ulla, Lérez e Umia, (en Pontevedra) esta prolongación será na modalidade de pesca sen morte. No couto de Betanzos (Coruña), a tempada mantense ata o 15 de setembro, destacando que tamén se estende por primeira vez ata esa data no couto de Lambre.

En relación á especie con maior número de afeccionados, a troita, a tempada mantense nas mesmas datas que ata o de agora; isto é, do 15 de marzo ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as masas de auga de montaña, nas que a tempada comezará o 1 de maio. Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, a tempada prolóngase ata o 30 de setembro; nos coutos con convenio a tempada prolóngase ata esta mesma data na modalidade de pesca sen morte. O río Eo mantén un período específico que este ano abrangue do 17 de maio ata o 15 de agosto.

Na xuntanza tamén se trataron as xornadas hábiles e tratáronse distintas propostas dos comités provinciais, tales coma a equiparación das augas de reo coas salmoneiras, ou o establecemento dunha talla e cota específica para ciprínidos.

Na reunión informouse do contido do Plan de xestión para a ampliación do couto do Parga e informouse ao comité sobre o estado de tramitación do Plan de xestión do río Ulla.

 

Hemeroteca