00:21 h. miércoles, 01 de mayo de 2024

Medio Ambiente investirá preto de 630.000 euros para a conservación do río Sar

trueiro.com  |  26 de marzo de 2015 (15:26 h.)
 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, reunese co alcalde, Antonio Fernández Angueira, para abordar actuacións en materia de saneamento neste municipio.

Medio Ambiente investirá preto de 630.000 euros para conservar o bo estado ecolóxico do río Sar e evitar asolagamentos na vila de Padrón

Medio Ambiente investirá preto de 630.000 euros para conservar o bo estado ecolóxico do río Sar e evitar asolagamentos na vila de Padrón

As actuacións programadas inclúen o proxecto de acondicionamento da canle de derivación do río Sar, unha canle artificial construída en 1993 que leva o exceso do caudal ao río Ulla

A obra prevé a limpeza e drenaxe dos sedimentos depositados, coa retirada de árbores e dos restos varios que reducen a súa capacidade hidráulica

Medio Ambiente tamén prevé executar obras para a estabilización de noiros do río, no entorno da ponte de Extramundi

A estabilización das marxes realizarase mediante técnicas de bioenxeñaría, ao tratarse dun área situada na Zona de Especial Conservación Sistema Fluvial Ulla-Deza

Padrón, marzo de 2015.

A Xunta de Galicia acometerá nas vindeiras semanas os traballos de limpeza e acondicionamento tanto do leito como dos noiros do río Sar ao seu paso polo concello de Padrón co obxectivo de diminuír o risco de inundacións nesta vila ante eventuais casos de enchentes do río na época invernal.

Segundo informou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante a visita realizada á zona xunto co alcalde Antonio Fernández Angueira, en total, as actuacións requirirán un investimento de preto de 630.000 euros.

Por unha banda, as actuacións programadas inclúen o proxecto de acondicionamento da canle de derivación do río Sar, unha canle artificial construída en 1993 que leva o exceso do caudal ao río Ulla. Pero co paso do tempo, o depósito minguou a capacidade inicial de evacuación das augas do Sar ao Ulla. Para solucionar esta situación, a obra prevé a restitución da sección hidráulica inicial dun tramo da canle artificial e a limpeza e drenaxe dos sedimentos depositados, coa retirada de árbores e dos restos varios que reducen a súa capacidade hidráulica.

Ao acondicionamento da canle de derivación do río Sar destinaranse arredor de 312.000 euros e a actuación poderá comezar en canto o nivel do río permita traballar en condicións de máxima seguridade.

Por outra banda, Medio Ambiente prevé executar obras para a estabilización de noiros do río. Segundo explicou a conselleira, o ámbito de actuación correspóndese coas zonas erosionadas no pasado inverno, situadas augas arriba da canle de derivación do río. En concreto, trátase dun treito de 70 metros augas arriba da ponte de Extramundi; e outro, de 30 metros, situado augas abaixo.

A estabilización das marxes realizarase mediante técnicas de bioenxeñaría, ao tratarse dun área situada na Zona de Especial Conservación Sistema Fluvial Ulla-Deza, cun orzamento de máis de 313.000 euros.

Xunta de Galicia.

 

Hemeroteca